A oposición cualifica as eleccións como "as máis sucias da historia".
Putin exerce unha forte presión contra as forzas da oposición
Trece das catorce demarcacións rexionais que celebraron eleccións a pasada fin de semana remtaron con vitoria para Rusia Unida, o principal partido pro-Putin. Na outra rexión, venceu Rusia Xusta, forza tamén próxima ao Kremlin e liderada polo actual presidente da cámara baixa rusa. Putin camiña así con paso firme cara ás próximas eleccións lexislativas, a celebrárense no mes de decembro.
Exemplo dos paradoxos do sistema electoral é a elección nunha localidade dun representante que só precisou do seu propio voto e o dun amigo, ao non acudir ninguén máis ás urnas. As formacións políticas da oposición quéixanse de que nestes comicios houbo probas de múltiples irregularidades. Gari Kasparov, ex campión mundial de xadrez e líder do partido Outra Rusia, denunciou a imposición do límite do 7% de votos para o acceso á asemblea, que deixou fóra moitas formacións favorecendo aos grandes partidos. "Viola os dereitos constitucionais dos cidadáns", criticou Kasparov, afirmando que é parte do plan de Putin para "prohibir e marxinar calquera partido opositor".