O PPdeG decide dar este paso logo de que o rexedor, Manuel Pose, recoñecese terlle dado permisos urbanísticos ás súas propias empresas.
O líder dos conservadores decidiu dar un paso adiante na polémica urbanística que rodea ao alcalde de Arteixo, Manuel Pose. Despois de que o rexedor recoñecese publicamente ter concedido licenzas urbanísticas ás súas propias empresas, Feijoo pediulle personalmente a Pose que puxera toda a documentación a disposición do fiscal. Feijoo está convencido de que o rexedor arteixán vai acatar a orde do seu partido de xeito inmediato.
A oposición arteixán xa lle tiña reclamado nos últimos días á fiscalía que actuase de oficio no caso. Os partidos que conforman a corporación municipal consideran que hai indicios suficientes de irregularidades. Sobre todo despois de que o propio alcalde recoñecera que el mesmo tiña votado a favor de licenzas para empresas das que el tamén era socio. Pose defende que o acontecido non é ilegal, aínda que recoñeceu publicamente que o seu comportamento fora pouco ético.
Despois de ter dado este paso, Feijoo retou publicamente a Emilio Pérez Touriño a facer o mesmo no seu propio partido. Os populares opinan que o PSdeG debe esixirlle ao alcalde de Foz, Xosé María García, que faga o mesmo nas vindeiras semanas.