Mulleres iranianas levan a cabo unha campaña para esixiren a modificación das normas discriminatorias neste país islámico.
Movementos feministas de Irán promoven dende hai un ano a campaña Un millón de sinaturas, para denunciaren a lexislación discriminatoria á que se ven sometidas as mulleres deste país. Calquera cidadán ou cidadá persa que non estea conforme coas leis actuais pode asinar unha declaración en que manifeste o seu desacordo.
Con este fin, un grupo de mozas voluntarias, tras recibir un curso de formación de curta duración, entrevístanse con outras mulleres nas prazas, nos centros comerciais, estacións de tren e autobús, oficinas do goberno e, incluso, en casas particulares. Alí reciben información sobre as leis discriminatorias que o Executivo mantén coa muller e, posteriormente, solicítanlles as súas sinaturas.
Asinar na web
Ademais, tamén existe a posibilidade de apoiar a iniciativa a través da internet. Concretamente na web We change, onde os movementos feministas agrupan toda a información referente a este tema e a calquera outro relevante coas reivindicacións da muller en Irán.
A campaña deu comezo o 27 de agosto de 2006 coa manifestación que tivo lugar diante da universidade de Raad. A súa duración é de dous anos, mais, segundo os prognósticos, seguramente termine antes da data prevista.
O pasado 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, centos de mulleres concentráronse fronte ao Parlamento iraniano. As forzas de seguridade reprimiron violentamente a manifestación.