Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA "PUBLICA O QUE PAGAS"

Loita en África contra os manexos de gobernos e industrias

Xigantes do petróleo, o gas ou a minería están no obxectivo da campaña de presión en favor da transparencia dos negocios que industrias e gobernos fan en África.

Redacción - 08:00 12/03/2007
Mineiro en Nangodi (Ghana)

Mineiro en Nangodi (Ghana)

As actividades de extracción de materias primas en África xeran unha actividade económica moi elevada. Paradoxalmente, os crecentes beneficios de exportacións tan lucrativas coma o petróleo non mudan apenas o escenario socioeconómico de países que seguen vivindo en estrema pobreza.

Colectivos internacionais como Intermón Oxfam ou Global Witness deseñaron un proxecto conxunto bautizado "Publica o que pagas", que pretende loitar contra esta situación. Subliñan a importancia de promover a transparencia na actuación dos gobernos e das relacións destes coas grandes empresas.

De xeito concreto, piden acceso aos documentos onde se fan constar os pagamentos e contratos asinados entre os gobernos e as compañías mineiras ou petroleiras. A fin é obstaculizar as manobras corruptas que seguen impedindo que a riqueza sirva para o desenvolvemento destes países.

Denuncian a presión aos activistas
As accións concretas que estes colectivos xa teñen promovido nalgunhas rexións africanas en defensa da voz dos cidadáns, causou máis dunha vez belixerantes respostas por parte das administracións locais.

Ao fío da campaña, as oenegués denuncia os ataques sufridosno continente por algúns activistas. Un dos exemplos máis recentes é o de Sarah Wikes, do grupo Global Witness, arrestada a mediados de febreiro en Cabinda, en Angola, e que malia ser liberada tres días despois da súa detención, aínda ten prohibida a saída do país. A lista da campaña "Publica o que pagas" inclúe exemplos similares de activistas que denunciaron actividades de corrupción en varios países africanos, entre eles Angola, Ghana ou Congo Brazzaville, e que sufriron ataques e presións diversas.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: