A capital iraquí sufriu na mañá do domingo tres atentados nun breve intervalo de tempo. As primeiras cifras sinalan tamén 33 feridos.
Segundo fontes policiais, dous dos ataques terroristas foron perpetrados con coches bomba e outro foi levado a cabo por un suicida. A explosión dun dos vehículos causou 19 mortes e 20 feridos na zona de “Al Masbah” no sur de Bagdad.
O ataque suicida rematou coa vida de dez xiís que viaxaban nun autocar logo de participar na cidade de Kerbala nunha peregrinación.
Os atentados sucédense logo de que este sábado o primeiro ministro iraquí, Nuri al Maliki, esixira a non intervención doutros estados na política do seu país "mediante o apoio a certas seitas, etnias ou partidos”.
Mentres, este domingo o Washington Post informa de que o presidente estadounidense, George W. Bush, concedeu un incremento adicional de 8.200 tropas para Iraq e Afganistán. 4.500 viaxarán até o país árabe, xunto cos 21.000 que o mandatario aprobou para o seu despregue o pasado mes de xaneiro.