A empresa xaponesa presentou esta semana o PlayStation Home, un entorno virtual onde os usuarios da consola poderán interactuar e xogar entre eles.
O novo lanzamento de Sony non está a ter os resultados agardados logo de varios meses no mercado estadounidense e nipón. O xigante da tecnoloxía non quere perder o anaco do pastel da nova xeración de consolas na loita cos seus principais competidores: Microsoft coa Xbox e Nintendo coa Wii.
É por iso polo que esta semana presentaron o novo servizo online. Os usuarios da plataforma poderán crear unha personaxe coa que poderán vivir unha serie de experiencias similares ás que ofrece o Second Life, tales explorar zonas públicas, dialogar con outras persoas, levantar unha casa ou ir de compras.
A principal diferenza do servizo que ofrecerá Sony é a posibilidade de entrar co personaxe en partidas multixogador, aínda que esta característica xa a está a ofrecer Microsoft no seu servizo Xbox Live, para a súa consola Xbox 360.
A Play Station 3, que chegará a Galiza a finais de marzo, non está a cumprir as expectativas creadas no referido ás ventas. De feito, Sony, que arrasou co segundo modelo da súa consola, ocupa na actualidade o último posto da lista de vendas de consolas de nova xeración, con 2,09 millóns de unidades vendidas. A Wii xa leva cinco millóns e medio mentres que a Xbox 360 está preto dos dez, aínda que con case un ano de vantaxe nas tendas.