A noite do sábado estará marcada pola actuación do grupo asturiano, que lembrará os seus grandes éxitos na sala Capitol. Vantroi serán os seus abreconcertos. E este domingo tamén haberá música.
Ilegales / Foto: Pedro León
As salas viguesas presentan o día 10 catro actuacións: Sex Museum, na Fábrica de Chocolate; no Ensanche, Septiembre, na Iguana Club, Konflikto e Fe de Ratas, e na Sete Mares, Galga Madre e Los Marcianos.
Na Coruña, a partir das dez e media estarán no pub Garufa Los Santos e Shove It. Á mesma hora, na Mardi Gras, concerto de Ruxe Ruxe. Colorado tocará na sala de Cambre El Andén ás once, e terá de abreconcertos o baixista Álvaro Muras.
Berri Txarrak e Nao chegan a Cangas ao local da Tiradoura, ás dez da noite. Na Guarda, Sweet Oblivion tocan na sala Escarabajo. En Carballo, Tachenko estarán no pub Silfo. En Narón, o grupo 96 Grados estará no Boa Lúa ás doce da noite, e Xabier Díaz e Músicas de Salitre subirá ao escenario do auditorio municipal de Foz.
Domingo 11
O domingo poderemos escoller entre dous espectáculos, ambos os dous na provincia de Pontevedra. En Moaña, na sala Salitre actuarán Nenö e Thunn!, e na sala Aturuxo de Bueu, a partir das nove e media da noite estará La Pegatina.