A proposta aparcaría o actual sistema de modelos lingüísticos distintos que data de 1982.
O conselleiro de Educación vasco, Tontxu Campos, presentou este xoves a proposta do goberno para reformar o modelo lingüístico no ensino. A consellaría pretende substituir o actual sistema, que se reparte en tres sistemas (A,B,C) dependendo o grao de presenza do euskera ou do castelán.
Campos sinala que o proxecto busca un “marco de aprendizaxe e de ensino plurilingüe”, no que o euskera sexa a principal lingua vehicular. Porén, os centros terán liberdade para desenvolver as súas propias propostas.
Campos recoñeceu que o actual modelo non conseguiu que os alumnos rematen o ensino obrigatorio cunha boa capacitación no idioma propio. O goberno coida que con esta nova proposta os rapaces terían competencia acreditada tanto en euskera coma en castelán cando rematen os seus estudos.