O aparello, que se denomina Proxecto Epoc, pode interpretar os pensamentos, a expresión facial e o estado nervioso do usuario e transmitir estes datos a un computador.
Imaxe do prototipo / Foto: emotiv.com
A empresa estadounidense-australiana Emotiv Systems presentou o seu descubrimento na conferencia de desenvolvedores de xogos de San Francisco (GDC). O casco dispón duns sensores no seu interior que detectan os sinais eléctricos do cerebro. Un programa encárgase de analizar os sinais e enviarllos por radio a un receptor conectado a un porto USB dun ordenador ou dunha consola.
Segundo o representante da empresa, Randy Breen, o dispositivo precisa dun período de adaptación ao usuario, como os sistemas de recoñecemento de escritura e de voz, e funciona mellor en nenos e en persoas con imaxinación.
O aparello que se presentou en San Francisco é só un prototipo, aínda que a empresa espera poder sacalo ao mercado no ano 2008. A tecnoloxía non só tería un uso no eido dos videoxogos, senón que tamén se podería aplicar na medicina, a seguridade, as investigacións de mercado e a televisión interactiva.