Como superar a fenda dixital nun país onde a poboación rural segue a ter un notábel peso? Esta pregunta anda tamén por Lalín. O Concello está avaliando as posibilidades dun proxecto tecnolóxico propio para as parroquias do municipio. O referente para os dezaos é a localidade murciana de Molina de Segura e o custe estimado 200.000 euros.
O alcalde de Lalín, Xosé Crespo, xa mantivo contactos co responsábel dunha das empresas que levou adiante o proxecto en Molina de Segura. Segundo os primeiros datos, a utilización dunha frecuencia de cinco xigas permitiría abranguer un radio de até 25 quilómetros. Por iso, xa se pensou que un lugar idóneo para colocar o reemisor sería o Monte Carrio.
Crespo recoñeceu que o acceso as novas tecnoloxías en Lalín, ao igual que na maioría das comarcas rurais galegas, é insatisfactorio. A banda larga é aínda un soño en boa parte do municipio. O rexedor lalinense coida que o sistema, ademais da dar un acceso a internet, tamén solucionaría os problemas para recibir o sinal de televisión que seguen a sufrir numerosos núcleos.