Un bo Celta mereceu moito máis na súa visita a Mestalla. Un golpe de fortuna deulle ao Valencia os tres puntos nun encontro en que os celestes levaron moito máis perigo cara a meta rival. Desta vez, as sensacións deixadas polos de Vázquez son máis que positivas, porén, a derrota os pode deixar ao final da xornada en postos de descenso outra vez.
Morientes anotou o gol valencianista
Un gol de Morientes nun espectacular remate decantou o encontro para os locais mediada a segunda parte. Até o momento, O Celta fora pouco a pouco facéndose co mando do encontro e incluso dispuxera de importantes ocasións que non atoparon porta.
As baixas de Iriney e Oubiña obrigaron a Vázquez a improvisar un dobre inédito formado por Pablo García e Tamas. Lonxe de facelo mal, a parella bloqueou o ataque do Valencia con acerto e deixou que Cannobio levase a batuta á hora de organizar o ataque.
Na primeira metade as ocasións repartíronse por igual, sendo as máis claras un disparo lonxano de Tamas e un rexeite que Angulo non soubo aproveitar ante Pinto. Nos segundos corenta e cinco minutos o Celta encerrou os levantinos na súa área e dispuxo de importantes ocasións nas botas de Nené e Baiano. Porén, coa entrada de Morientes e Joaquín no campo o Valencia recuperou a súa pegada en ataque e así chegou o seu gol. Con vinte minutos por diante, o Celta procurou á desesperada a igualada. Un acertado Cañizares a evitou nun par de ocasións e así chegouse ao final do encontro.
A derrota fai do próximo choque en Balaídos ante o Athletic unha auténtica final. Trátase dun dos candidatos a ocupar a terceira praza de descenso polo que sería de vital importancia non deixar escapar os tres puntos de Balaídos, unha volta despois.