O presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo, defendeu publicamente ao alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones. Feijoo non ve ilegal que o rexedor compaxine o seu cargo político con empresas inmobiliarias.
Feijoo aposta pola honestidade de Pose
Núñez Feijoo desprazouse este domingo até Arteixo para participar na presentación do alcalde, e tamén candidato, Manuel Pose. Logo de que La Opinión dese a coñecer que o rexedor posúe varias empresas construtoras que traballan no municipio, Feijoo defendeu ao rexedor: "Unha cousa é que este señor se faga empresario despois de ser alcalde e outra cousa é que fose empresario antes de ser alcalde".
Manuel Pose, que intentará gañar as eleccións por cuarta vez consecutiva, sinalou que esta mesma semana vai convocar un pleno extraordinario para dar explicacións sobre as súas empresas. O candidato do PP en Oleiros, Pablo Cobián, afirmou a semana pasada que non vía con bos ollos o que acontecía en Arteixo. Diante deste pronunciamento, Feijoo limitouse a dicir que, a diferenza doutras formacións, no seu partido "non hai un pensamento único".