A falta de poucos votos por contar, o partido Reforma, liderado polo actual primeiro ministro Andrus Ansip, sumou en Estonia o 27.7% dos votos, o que lle daría 31 escanos e consolidaría a actual coalición que goberna o país. Foron tamén os primeiros comicios xerais en todo o mundo que permitiron o voto a través de internet.
Só un 3,3% dos electores aproveitou a posibilidade de votar a través da rede
As sondaxes prognosticaran un cambio de orientación na coalición de goberno, co posíbel acceso dun dos socios minoritarios ás preferencias dos electores, pero finalmente semella que se reeditará o acontecido hai catro anos. Así, o partido Central, con Edgar Savisaar á fronte, non confirmou o prognóstico de vitoria que lle daban as sondaxes e quedou no 26,1%.
Na viraxe do voto dos estonios destaca a caída da que en 2003 fora a formación máis votada, a Unión da Res Pública Pro Patria, que descendeu ao terceiro posto acumulando só o 17,8% dos votos. Isto daríalle á principal forza da oposición un máximo de 19 escanos.
Apenas un 3,3% dos electores aproveitou a posibilidade de votar a través da rede. O sistema estabelecido permitíalle aos votantes que previamente tiveran exercido o seu dereito a voto en internet, ir posteriormente ao colexio electoral e votar en urna, co cal se eliminaba o voto previo na rede.