A carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga, será un espazo protexido pola Xunta de Galicia. Esta árbore, de 6,90 metros de perímetro e 33 metros de alto, acadará a distinción polo seu especial interese científico, cultural e paisaxístico. A orde entrará en vigor en canto se publique no Diario Oficial de Galicia.
O proceso para declarar espazo protexido a zona da carballa, que abrangue 0,64 hectáreas na bacía do río Limia, abriuse o ano pasado por decisión unánime do Parlamento. O decreto vai supoñer que se suspenderán as actividades que non teñan autorización da Consellería de Medio Ambiente.
A carballa da Rocha será o sexto monumento natural do país, despois da fraga do Catasós, en Lalín; o souto da Retorta, en Chavín (Viveiro); a praia das Catedrais, en Ribadeo-Barreiros; o souto de Rozabales, en Manzaneda, e a costa do Dexo, en Mera. Tamén se atopa en fase de tramitación desta declaración a serra de Pena Corneira, en Ribadavia.
Parque ambiental de Carballeda de Avia
As consellarías de Medio Ambiente e Vivenda van colaborar na creación do parque ambiental de Carballeda de Avia. A posta en marcha terá un custo de 40 millóns de euros, e o seu desenvolvemento para o ano 2007 supoñerá un investimento de 4 millóns. A Xunta pretende que o parque se converta nun modelo para os demais polígonos industriais.
No Consello da Xunta do xoves autorizouse a asinar un convenio entre Vivenda e Solo, Xestur Ourense, Medio Ambiente e o Concello de Carballeda de Avia. Nel estabelécense as directrices para a adquisición dos terreos, a execución do proxecto de urbanización e a venda das parcelas baixo criterios de sustentabilidade. No parque instalaranse plantas de tratamento de residuos de todo tipo, pero en ningún caso poderán empregar a incineración.