Os medios empalmados co ‘bum’ da música galega do 2006. Que nunca tal se vira en canto a número de bandas e variedade de estilos non quere dicir que sexamos uns monstros en canto a produción musical: máis ben é o mínimo que se lle pode pedir a este tempo, este lugar e esta renda per cápita. Un artigo de María Yáñez ilustrado por Tamara de la Fuente.
Todo é peixe
Que por fin nos mole algo do que facemos é para alegrarse, pero máis que un coxín no que dar chimpos debe ser un punto dende o que dar o seguinte paso e non parar de buscar, explorar, corrixir, gustarlle a máis xente ou a xente distinta de nós mesmos.
Non sei se me explico, pero todos coñecemos a famosa frase do Señor Lobo en Pulp Fiction. Merecemos aínda moito máis ca isto e, aínda que demostramos ter potencial, agora quédanos ser algo máis que unha potencia.
Gustarnos, decepcionarnos, ser críticos, cabrearnos, reaccionar e mellorar o feito. Temos ansia para iso e para máis. E é o que ten empalmarse: canto máis se bebe máis sede se ten.