O Deportivo da Coruña conseguiu o acceso ás semifinais da Copa do Rei despois de empatar a un gol co Valladolid, nun encontro que se disputou o mércores no estadio José Zorrilla. O conxunto galego partía cunhas rendas de 4 goles a 1 no partido de ida, xogado en Riazor, o que lle permitiu afrontar con máis calma o trámite.
O primeiro en adiantarse no marcador foi o Dépor grazas a un tanto do brasileiro Filipe, no minuto 33. O xogo do equipo coruñés decaeu na segunda metade, despois da expulsión de Coloccini no minuto 44. Os valisoletanos aproveitaron que os galegos tiñan un home menos no campo para empataren o partido, aínda que o gol non chegaría até o minuto 85, das botas do búlgaro Manchev. Agora, o Deportivo terá que agardar ao sorteo, aínda sen data, para coñecer cal será o seu rival nas semifinais, previstas para o 18 de abril e o 9 de maio.