O vixilante dos soños, de Ana Carreira; Camiño solitario, de Ánxela Gracián; Ke-Tumba Ke-Tamba, de Xerardo Quintiá; e O Castrón de ouro, de Darío Xohán Cabana, son os catro novos títulos da colección Árbore, da Editorial Galaxia, pensada para o público de menor idade. Por outra banda, a editorial presenta tamén Se algún día esta muller morta, de Miguel Sande, I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006.
Lugo e Coruña acollen distintas presentacións das novidades da Editorial Galaxia: os catro títulos da colección Árbore serán presentados polos seus autores, os ilustradores Noemí López e Federico Fernández, e o director da colección, Xosé A. Neira Cruz, este xoves ás 20.00 na libraría luguesa Trama. O propio Neira Cruz era noticia hai uns días, ao ser escollida a súa novela O armiño dorme entre os dez mellores títulos do mundo de literatura xuvenil. Nestes catro libros, todos cheos de cor, atoparemos as historias dun rapaz que non dorme pensando como é a Lúa (O vixilante dos soños), un Camiño solitario que agarda, a través das estacións, por quen fixo o camiño con aloumiños, e obras premiadas, como Ke Tumba Ke Tamba, merecedora do Raíña Lupa, ou a reedición d'O castrón de ouro, de Darío Xohán Cabana, gañadora do premio Barco de Vapor no 83.
Pola súa banda, Se algún día esta muller morta, de Miguel Sande, é o intenso monólogo dunha muller que sae un día do cinema consciente de que acaba de ver a súa vida reflectida na pantalla. Maltratada e sometida, négase a aceptar a morte dos sentimentos, a realidade dunha vida en ruínas. O xornalista Miguel Sande naceu na Pastoriza (Arteixo) no 61, e ten publicado varias obras de teatro e novelas. Esta última, merecedora do Premio de Narrativa Breve Repsol YPF, será presentada tamén o xoves ás 20.00, no quiosco Alfonso da Coruña.