"Nós non usamos as armas", afirmou esta fin de semana o líder de Batasuna, Arnaldo Otegi, en entrevista para o diario La Vanguardia, "queremos facer política en termos democráticos". Otegi identificou o labor da súa formación coa "mesma actitude" do Sinn Fein en Irlanda. Ao respecto, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, destacou que otegi descarte un "pago político" do Estado á ETA para chegar á paz. Desde o PP cualifican de "trampa" as palabras de Otegi.
"Nós somos independentistas", explicou Otegi para o xornal catalán, "o que queremos transmitirlle á cidadanía é que dentro dun marco democrático onde teñan cabida todos os proxectos, a independencia só se pode construír desde as vías pacíficas e democráticas: non se pode construír doutra maneira".
A intervención do líder da formación abertzale está chea de novas chiscadelas cara ao goberno na liña das recentes declaracións que abren camiño para un escenario favorábel á legalización de Batasuna antes das próximas eleccións municipais. Nesa liña, o xefe do executivo español opinaba este domingo que as declaracións de Otegi inclúen "elementos distintos a outros pronunciamentos tradicionais". Con todo, Zapatero opinou que sería necesario "un rexeitamento da violencia" por parte dese partido.
Sobre as mesmas palabras de Otegi reflexionou tamén o PP, por boca do seu secretario xeral en Eukadi, Carmelo Barrio, quen cualificou ao líder de Batasuna de "voceiro da ETA" e definiu a entrevista como "unha trampa". "Todo forma parte dunha estratexia de chantaxe á sociedade democrática", dixo Barrio.
Poden ler a entrevista completa a Arnaldo Otegi en La Vanguardia.