Os ministros de Medio Ambiente dos países membros da Unión Europea chegaron a un principio de acordo para recortaren as emisións de gases de efecto invernadoiro. En concreto, preténdese que no ano 2020 chegue á atmosfera un 20% menos da cantidade que o facía en 1990.
Os responsábeis gobernamentais afirmaron que no caso de secundaren outros países desenvolvidos a súa proposta, reducirían os niveis de emanación até nun 30%.
A medida, exposta pola Comisión Europea o pasado mes de xaneiro e aprobada esta semana, é considerada clave na detención do cambio climático. Á UE quédalle aínda por decidir como realizará os recortes, tendo en conta a oposición dalgúns países membros á proposta. Entre estes están Hungría e Polonia, socios dende o 2004, e Finlandia. No entanto, outros estados como o alemán estarían dispostos a aumentar a porcentaxe de redución até o 40%.