Unha empresa nova vaise instalar nos terreos que ocupaba Henkel en Culleredo. O conselleiro de Traballo anunciouno despois de manter unha reunión co comité de empresa da factoría coruñesa de La Toja, e salientou que o seu departamento fará todo o posíbel por conseguir que os traballadores acaden unha saída o menos traumática posíbel.
Ricardo Varela asegurou que no encontro se puxeron en común as posíbeis estratexias de recolocación de persoal despois de que Henkel anunciase o peche da fábrica de Culleredo. Traballo fomentará, deste xeito, que unha nova empresa se instale alí, con axudas da consellaría, e que absorba unha parte dos traballadores. O único que se coñece dela é que operará nun sector distinto ao que traballaba Henkel e daralles emprego a entre 40 e 45 traballadores, coa posibilidade de duplicar estas cifras no futuro.
O conselleiro anunciou que se seguirán tres vías para a saída do cadro de persoal: por unha banda, o plan social das empresa; por outra, a implantación dunha nova planta nos terreos de Henkel, e, por último, un plan de reinserción dos traballadores noutras empresas.
Na xuntanza do luns á mañá estiveron presentes, ademais, a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, e o alcalde de Culleredo, Xulio Sacristán, que está a xestionar a implantación da nova empresa. Os seus datos daranse a coñecer nos vindeiros días.