O presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, non está moi contento co proceso de renovación do PPdeG. O chamado "barón de Lugo" afirma que na renovación do partido "hai moito egoísmo", e recoñece que no proceso non faltaron as "deslealdades". Cacharro, que apura os últimos meses á fronte da Deputación, deixa un aviso para a actual dirección de cara ás municipais: "Se o PP perde gobernos, a recuperación será moi lenta, e alguén terá que render contas".
Nunha ampla entrevista concedida a El País, Cacharro Pardo tamén subliña que o último congreso do PpdeG, no que saíu elixido Núñez Feijoo, non tivo nada de exemplar: "No momento precongresual foise dirixindo todo cara unha determinada candidatura". Cacharro coida que o día despois dos comicios municipais será clave para a dirección que lidera Feijoo: "Se se perden posicións nas corporacións, será o inicio dunha pequena travesía no deserto".