Satisfacción e prudencia. É o que se deduce das verbas de Álvaro Pino, director deportivo do Karpin Galicia, logo do debut do conxunto galego na competición oficial na Volta a Mallorca. Pino non oculta a súa ledicia por acadar un podio co que non contaban aínda que advirte que non vai ser habitual acadar este tipo de éxitos de momento. Malia que recoñece que lle gustaría estar a pedalear como un máis do equipo, asegura que está a vivir moi intensamente este comezo de tempada no novo proxecto galego.
Podio na primeira participación do Karpin Galicia. Agardaba este éxito?
Home, cando se traballa e se fan as cousas ben sempre esperas bos resultados, pero claro, non imos dicir que esperabamos facer podio na nosa primeira proba. Sabíamos que Ezequiel estaba ben, pero tampouco podíamos avaliar o seu estado de forma até que comezas a competir. De aquí en adiante xa sabes como están moitos dos nosos rivais, aínda que non comezaron todos en Mallorca pero si boa parte deles. Entón pódese facer xa unha avaliación logo de coñecer o estado dos demais equipos e a verdade é que estamos satisfeitos, sabíamos que o podíamos facer ben pero non como para esperar o podio.
Doído por perder o segundo posto no último esprín?
O xoves cando saiamos pola maña xa lles dicía aos corredores que estabamos máis preto do terceiro posto que do primeiro. Porque había oito segundos polo medio e era moi difícil porque o Balears é un bo equipo e tiña alí bos homes. Tíñamos un posto de diferenza, entón o que contaba xa era o puntómetro ao estar no mesmo tempo que Gusev, que foi moito máis rápido que Ezequiel polo tanto era previsíbel que pasara isto. Eu díxenlle que se puxera á roda del e que intentase remontalo porque se entraba detrás del a segunda praza era para Gusev xa que empatando a postos e a tempo o que valía era a mellor clasificación do último día, entón tampouco había moito que facer, era moi difícil. Co cuarto, Alberto Fernández, si que había unha diferenza de máis de corenta postos polo que nese aspecto non había perigo.
Falouse moito do Karpin. Notou que o conxunto foi unha das atraccións da Volta?
Eu xa lle comentei aos corredores na concentración en Cee que o noso obxectivo era acadar a maior presenza pero é complicado. Eu como corredor xa sei o difícil que é gañar xa que isto non é fútbol. Por exemplo, o Celta xoga contra o Recreativo un día, outro co Barcelona, outro domingo co Atlético de Madrid e ao seguinte coa Real Sociedade. Así, un día podes empatar, outro gañar e tamén perder. Porén, aquí é que cada día xogamos contra o Real Madrid, Barcelona, Valencia, Huelva ou Nástic de Tarragona, e cando gañas tes que gañarlle a todos xuntos. No fútbol hoxe lle gañas ao Recre e se ao día seguinte perdes co Barcelona non pasa nada. No ciclismo é ben diferente. En Mallorca, de douscentos participantes, cen eran de pro-tour, dun nivel superior ao noso ou se supón, e os outros cen eramos de continental profesional polo que considero que ao final debemos estar tremendamente satisfeitos.
Cal vai ser a aposta do conxunto para a Volta a Andalucía?
Para Andalucía imos telo complicado de cara á xeral porque corredores como David García, mentres non se demostre o contrario, non teñen a experiencia nin a calidade que desexamos, de momento. De todos xeitos, García está a un bo nivel como vimos en Mallorca. Marcos Serrano vai da casa pero sabemos que está aínda corto de forma porque vai comezar a andar alá por abril. Outro que vai tamén desde a casa é Serafín, que vai debutar. Contaremos con David Abal, que repite e que correu tres días en Mallorca; Salgueiro, que tamén repite e que fixo catro das cinco tiradas en Mallorca e que anda bastante ben aínda que vén dun equipo continental e de correr moi pouco con profesionais. David Herrero está tamén na mesma situación que Serrano xa que os seus obxectivos van estar a partir de abril, polo tanto tamén vai estar corto. Outro corredor ao que lle temos que comezar a dar confianza é Isidro Nozal. En Mallorca cada día foi a máis e se non fora por unha caída tería entrado entre os dez primeiros. Traballaremos con el en Andalucía pero iso non quere dicir que vaiamos facer unha boa clasificación, se non está cos primeiros todos os días si que esperamos que a meirande parte das tirades as pase no grupo dos elixidos, pero aínda lle falta un pouco, polo que vai ser difícil. Loitaremos por ter protagonismo e por algunha clasificación secundaria como a de metas volantes e en definitiva, que o equipo siga a ter presenza en carreira.
Asinaría unha actuación en Andalucía como a de Mallorca?
Temos que ser realistas e concienciarnos de que non podemos vender fume. Claro que asinaba pero o normal non é o de Mallorca e temos que pensar que ese bos resultados van ser complicados de acadar outra vez. No deporte ás veces danse sorpresas, pero no ciclismo non son habituais. Oxalá se puideran dar pero o adecuado é pensar que vai ser bastante máis complicado.
Estase a crear moita expectación na prensa e entre os afeccionados galegos co debut do equipo. Son conscientes no KG diso?
Malia que nós non tivemos moito tempo para conectarnos a internet e ler o que se estaba a escribir sobre nós si que nos comentaron que a nosa participación estaba a ter moita repercusión e unha acollida extraordinaria nos medios. Este seguimento non é só bo para o noso equipo senón que tamén o é para o ciclismo en xeral, sobre todo nos últimos anos, nos que as noticias negativas relacionadas coa dopaxe son máis que as positivas. Nós agradecemos moito os medios informen non só das malas noticias, senón tamén das boas, como é a estrea deste equipo.
Como viviu Valery Karpin a estrea do conxunto? Está contento cos resultados?
Si, de feito seguiu a primeira tirada desde o coche e marchou sorprendido e moi contento coa primeira experiencia. Logo estiven en contacto todos os días con el, estaba tremendamente ledo o día que collemos o liderado e este xoves, a pesar de rematar terceiros, dixo que estaba moi contento e que lle daba os parabéns a todo o equipo.
Sente un pouco de envexa dos teus corredores por participaren nun proxecto cento por cento galego? Gustaríalle estar sobre a bicicleta nestes momentos?
Sobre todo dáme envexa porque sería sinal de que tería vinte e pico de anos ou trinta como moito e resulta que teño cincuenta (risos). Aínda así, eu estou gozando porque son partícipe deste equipo e a verdade é que o domingo pasado, cando debutamos, sentín unha tremenda alegría e foi un momento extraordinario para min. Non digo como se estivera dando pedais pero si dun xeito moi intenso.
G. García