Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A mar litoral: A Mellor piscifactoría

Segundo noticias recentes o Consello da Xunta de Galiza, ven de declarar a ampliación da granxa de peixes da Stolt en Quilmas-Carnota nova criazón de interese supramunicipal, así como a criazón dunha nova planta de acuicultura en Baroña-Porto do Son.

- 17:37 16/02/2007
Tags:

Para ADEGA, as actividades de cultivo mariño deben ser olladas desde a óptica de que o mar é o medio en que os seus habitantes se desenvolven mellor. As plantas de cultivo de rodaballo ,linguado ou polvo que se están a espallar pola nosa costa non son unha garantía de produción sustentable desde variados pontos de vista*(ver www.adega.info diferentes traballos e informes). En primeiro lugar porque os peixes en cautividade non están submetidos á normal selección natural de predatores, doenzas ou procura do alimento. Todo esto debe de serlles administrado, para reducir á súa natural mortandade e garantir así a rendibilidade da produción.

Alén diso, estes peixes son carnívoros mariños, polo que han de ser alimentados con fariñas elaboradas con outros peixes ou dexectos destes, como espiñas ou peles procedendes, na sua maioría, do proceso de fileteado. A elaboración destas fariñas faise a custo dos cardumes de peixes de baixo valor comercial. Chile é un grande produtor destas fariñas, mais tamén existen en España fábricas como, por exemplo, Nutreco ou Pescanova, que tamén teñen piscifactorias.

Chámase Factor de Conversión, á cantidade de peixe non comercial, necesario para porducir 1 Kg de peixe comercial como lubina(Robaliza) rodaballo , ou linguado ou polvo (cefalópodo). Necesítanse aproximadamente 4,8 Tm de peixe para facer 1Tm de fariña. Esta mistúrase con produtos de orixe vexetal e aceites de peixes para facer o pienso. Oficialmente considérase como valor medio para a industria salmoneira o de 1,2 ( necesítase 1,2 Tm de pienso para cada Tm de peixe producido, o que equivale a 1,7 Tm de peixe salvaxe por cada Tm de peixe cultivado,segundo o informe do Cluster) . Se a esto lle sumamos os consumos por fabricación, e transporte, temos que cada Tm de peixe de granxa obtense a custo dun considerable desprendimento de CO2 máis unha explotación indiscriminada dos oceános pola pesca masiva de peixes cuias povoacións non están baixo o control dos estados. Eses bancos de peixes, xogan o seu papel no ecosistema. Forman parte da biodiversidade dos oceanos, e das suas cadeas tróficas. A sua escaseza provoca un empobrecimento masivo da vida dos mares no seu conxunto.

Disminución do potencial biolóxico
Segundo un recente informe da FAO,na actualidade constatase unha progresiva diminución do potencial biolóxico mariño pola degradación dos océanos. O mar, aínda é rico, en moitos aspectos, mais xa non é válida a vella idea de que nos podía fornecer de alimentos de xeito ilimitado, pois a cruda realidade é que as áreas fértiles do mar fican cada vez más restrinxidas. Diminuíron as posibilidades de uso tanto de aguas como de praias da beira- mar.

Piscifactorias e emprego
Está, por outra parte, o engado dos postos de traballo que poden criar as piscifactorías. En Galiza apenas hai un total de 270 postos de traballo para as plantas de rodaballo, que aliás, gozan dun 50% de subención para os seus gastos de instalación. Segundo o Instituto Nacional de Estatística de Galiza, a maioría destas instalacións non superan os 50 traballadores, estando a media en 10.

Danos nos ecosistemas litorais
Ademais temos que ter en conta a contaminación que estas industrias producen nos seus efluentes.Contaminación orgánica, parásitos,restos de substancias químicas como antibióticos, perigo de introdución de especies foráneas, etc. Xa nas alegacións que ADEGA presentou ao Plano Sectorial de Tecnoloxía Pesqueira, recentemente publicado e non aínda aprobado, indicaba a necesidade de protexer a costa da contaminación procedente dos efluentes das piscifactorías que,no Plano non aparecen indicados con claridade. Tamén ADEGA alega que as zonas de Protección Ambiental como Rede Natura ou outros lugares sometidos ás diferentes figuras de protección deberían ficar isentas destas usinas ( vide www.adega.info). Agora encontrámonos que, antes de ser o Plano aprobado, concédeselle ampliación a Stolt en Carnota, e nova criación en Baroña. Dúas zonas a protexer.

Estas fábricas deberían ser concebidas para coexistir coa pesca de baixura. En Lira, a beira de Carnota existe un programa excepcional de cultivo e protección do mar litoral, elaborado pola confraría de Lira e apoiado por ADENA e o Ministerio de Medio Ambiente de España. Este Plano organiza en Lira unha serie de áreas de resguardo dos recursos mariños , co obxectivo de protexer as zonas de reprodución e os caladoiros de pesca mediante un sistema de xestión sostible. O propio Emilio Pérez Touriño deu o seu apoio a este proxecto de reserva mariña.

Entón, non entendemos como se acaba de aprobar a citada ampliación e nova criazón de granxas mariñas sobre esa figura de interés supramunicipal, en clara competencia desleal coas prácticas tradicionais, que parecían ter encontrado a súa oportunidade neste mundo de aloucada carreira de enriquecementos a curto prazo para un número pequeno e privilexiado de persoas, pondo en perigo o futuro dos nosos mares.

Desde ADEGA decimos que a mellor piscifactoría é o mar. En particular o mar litoral como o das nosas rías, que deberían ser mimadas e protexidas na súa principal función de produtoras de vida. Véxase senón a produción de mexilóns, así como dos outros bivalvos. Esa é unha riqueza que dá moitos postos de traballo , directos e indirectos, e que debe ser ben cuidada para conservar o beneficio da denominación de orixe que dá valor acrescentado. É unha maneira barata de producir proteína de orixe animal e de alto valor biolóxico. As rías deberían de ser saneadas de xeito integral, como aconsella a convección OSPAR, que España asinou,como parte contratante, como toda a U.E. no 98, e que deu pé para a elaboración do libro verde do mar no 2006, no que se especifica como obxectivo federar os meios das partes contratantes para, globalmente, asegurar a mellor conservación posible do espazo mariño do Norte nun espirito de Desenvolvimento Perdurable. Esta convención foi a antesala para a elaboración do Libro Verde do Mar publicado en 2006 que recomenda , especialmente, o cuidado e atención dos mares costeiros e dos ricos ecosistemas mariños que acollen.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: