Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LIBERALIZACIÓN DO ESPECTRO RADIOELÉCTRICO

O Parlamento Europeo aposta pola universalización da banda larga no rural

"Acceso universal" á banda larga, especialmente nas zonas do rural. É un dos puntos que inclúe un informe aprobado este mércores no Parlamento Europeo. O texto propón fomentar a competencia e o desenvolvemento das tecnoloxías innovadoras no espectro radioeléctrico europeo. Segundo os eurodiputados, este espectro, que se liberará coa conversión ao sistema dixital, incrementará a dispoñibilidade xeneralizada da banda larga móbil ou sen fíos, "que beneficiará sobre todo ás zonas rurais".

- 13:09 16/02/2007
Tags:

O informe, aprobado polo pleno do Parlamento en Estrasburgo, avoga por evitar a acumulación de dereitos de uso de frecuencias, así como a formación de monopolios. "O escaseo de espectro radioeléctrico constituíu un obstáculo para o despregue dos novos servizos", por iso, o texto sinala a necesidade de adoptar un "enfoque sostíbel" que fomente a competencia e o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras.

No documento sublíñase a importancia de que a Unión Europea adopte unhas "directrices eficaces" para rematar coa diverxencia de asignación do espectro existente entre os distintos Estados membros, o que supón un "importante obstáculo para o bo funcionamento do mercado único". `

A distribución debe seguir criterios sociais, culturais e políticos
Ao mesmo tempo, destácase que a xestión deste espectro non debería centrarse só nos aspectos do mercado, senón que tamén debería ter en conta consideracións máis sociais, culturais e políticas. É por iso polo que, dado o escaseo do recurso "é necesario adxudicar un espectro suficiente para facer fronte ás necesidades dos consumidores e dos servizos de interese público e xeral, incluídos os servizos de radiodifusión".

Segundo o informe aprobado esta semana, no referido á xestión do espectro e na procura da innovación e do fomento da competencia, deben primar dous principios xerais: a neutralidade tecnolóxica e a neutralidade do servizo.


0/5 (0 votos)