Calquera outro equipo da Primeira División vería un desprazamento até Moscova en pleno febreiro como un contratempo. Non foi o caso do Celta, que engraxou a súa oxidada maquinaria sobre o céspede artificial do espectacular estadio Olímpico Luzhniki. A innovadora aliñación, con Núñez en punta, deu bo resultado, sobre todo no que a imaxe de conxunto se refire. O mellor, ademais do valioso empate (1-1) e do bo xogo despregado, é unha viaxe na que se puido ver os celestes máis relaxados lonxe da agonía dominical dos tres puntos. Porén, os de Vázquez retornarán o domingo á realidade dunha liga na que terán que enfrontarse ao Osasuna no sempre complicado Reino de Navarra.