A asociación ecoloxista Adega manifestou o seu rexeitamento á declaración de "incidencia supramunicipal" para os proxectos de piscifactorías de Stolt Sea Farm, por parte do Consello da Xunta deste xoves, en Porto do Son e Carnota. Segundo Adega, esta declaración faise á marxe do novo Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, actualmente sometido a Avaliación Ambiental Estratéxica. Argumentan que, precisamente, é esta planificación sectorial a que debe fixar as condicións precisas para a ampliación ou instalación de novas plantas acuícolas.
O colectivo ecoloxista Adega denunciou este xoves a aprobación do proxecto que, "malia non comportar a autorización inmediata destas piscifactorías, pois aínda quedan os informes de viabilidade preceptivos, distorsiona todo o procedemento de revisión do Plan Sectorial e podería supoñer un trato de favor cara Stolt Sea Farm fronte ás demais empresas do sector e aos colectivos locais".
Nas alegacións expostas por Adega a este plan, facían referencia ás "cautelas precisas para salvagardar os valiosos elementos patrimoniais" destas zonas, propoñendo causas de exclusión e distancias mínimas para o amortecemento dos impactos.
"Parece evidente que nos casos de Quilmas (Carnota) e Baroña (Porto do Son) vanse producir máis que probábeis afeccións aos Lugares de Importancia Comunitaria próximos (Carnota-Monte Pindo e Costa da Morte, en Quilmas) e ao emblemático Castro de Baroña", sinalou.
Rexeitamento popular
Por outra banda, Adega salientou que os proxectos de Stolt Sea Farm para Quilmas e Baroña, "dos que a día de hoxe descoñecemos os seus detalles", teñen suscitado un forte rexeitamento por parte da poboación local, "dada a actitude de prepotencia e chantaxe dos seus responsábeis".
Afirman, ademais, que "ten pouco sentido modificar o Plan Sectorial de Acuicultura do PP, se logo se acaban aplicando as mesmas políticas insustentábeis e arbitrarias".