Ezequiel Mosquera rematou a Volta a Mallorca nun máis que meritorio segundo posto, por detrás do líder, Luis León Sánchez, do Illes Balears. O ciclista do Karpin Galicia acabou a quinta e derradeira etapa, entre Magalluf e Palmanova, en terceira posición, co mesmo tempo ca o gañador da xornada, Unai Etxebarria, do Euskaltel. O ruso Vladimir Gusev, do Discovery, rematou segundo a etapa e terceiro a clasificación xeral. Con este magnífico resultado, confírmase o bo debut do equipo galego na súa primeira competición oficial.