Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
VERDEGAIA PROPÓN UNHA RECONVERSIÓN ECOLÓXICA DO TRANSPORTE

O transporte por estrada en Galicia duplicou as súas emisións de gases de efecto invernadoiro entre 1990 e 2004

). Segundo os datos para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio de Medio Ambiente (MMA), as emisións de gases causantes do cambio climático do transporte por estrada medraron o 96% entre 1990 –ano base do Protocolo de Quioto- e 2004. A estrada supón a maior parte das emisións do sector do transporte, responsable no seu conxunto do 23 % da contribución galega ao cambio climático. A asociación ecoloxista Verdegaia propón iniciar unha reconversión ecolóxica do transporte para axudar a respectar o Protocolo de Quioto e para diminuír os elevados custos ambientais, sociais e económicos asociados ao transporte.

- 12:47 14/02/2007
Tags:

De acordo cos datos fornecidos pola Secretaría Xeral para a Prevención da Contaminación e do Cambio Climático do MMA, o aumento das emisións de dióxido de carbono (CO2) e doutros gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do conxunto do sector do transporte en Galicia foi do 55% no período 1990-2004. Este aumento é moi superior ao do conxunto dos países industrializados membros da Convención da ONU sobre Cambio Climático (24%) e, en particular, ao da UE-15 (26%). O aumento das emisións de GEI do transporte é debido sobre todo ao transporte por estrada. O aumento das emisións do transporte por estrada no conxunto dos estados da UE-15 foi do 25%, fronte ao 96% de Galicia, cifra só superada por Irlanda e por Luxemburgo. O Protocolo de Quioto obriga ao conxunto de España a non aumentar por riba do 15% as súas emisións de GEI entre 1990 e 2008-2012.

Resulta especialmente lamentable que o 37% do total das emisións de GEI do transporte por estrada na nosa terra teñan lugar baixo "pautas de condución urbana", malia ser no medio urbano onde menos difícil sería reducir as emisións con novas políticas territoriais e de transporte que freasen a dispersión urbanística e atacasen o uso abusivo do coche. Ademais, é no ámbito urbano onde máis preocupantes son as consecuencias de contaminantes atmosféricos emitidos polos vehículos que non provocan cambio climático mais que son prexudiciais para a saúde e o ambiente (partículas, monóxido de carbono, óxidos de nitróxeno,…).

O aumento desbocado da contribución ao cambio climático do sector do transporte na nosa terra é o resultado de políticas territoriais, de infraestruturas e de transporte profundamente insustentables. Verdegaia propón que as Administracións galegas promovan o inicio dunha reconversión ecolóxica do transporte no marco dunha Estratexia de Desenvolvemento Sustentable. Os piares desta mudanza serían a xestión da demanda, é dicir, a redución das necesidades de desprazamento (o que pode ser conseguido a través dun adecuado ordenamento do territorio), e a inversión na xerarquía dos modos de transporte, colocando o coche e o camión en derradeiro lugar, xustamente o contrario do que acontece hoxe. Para iso, é preciso, entre outras cousas, restrinxir fortemente o uso do coche no medio urbano, potenciar os modos de transporte máis eficientes no uso da enerxía e menos contaminantes (como a bicicleta e o ferrocarril), investir menos en estradas ou implantar planos de transporte para todas as empresas de máis de 200 traballadores/as e nos principais polígonos industriais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: