Estaba chamado a ser a gran referencia do Karpin Galicia no seu debut na competición oficial e non está a defraudar. Ezequiel Mosquera pasará á historia por acadar o primeiro liderado para o conxunto galego nunha carreira internacional e por tiradas. Falamos con el pouco despois de que colocase o nome de Galiza no máis alto do podio na terceira xornada da Volta a Mallorca.
Pasarás á historia por acadar o primeiro "mailló amarelo" para o Karpin Galicia. Como valoras este liderado?
Síntome contento, eu e todo equipo, por estar a realizar un debut inmellorábel. Estou un pouco nervioso porque agora hai que tentar manter este liderado e non é tarefa fácil porque estou empatado a tempo con dous máis e o esprín non é o meu forte. Tentarei aguantar mañá e despois meterme nas chegadas o último día.
Tal vez, sen o vento, poderíamos estar falando dun triunfo na tirada ademais de na xeral...
Intenteino pero tiven bastante aire de cara e cando é así, si se che pegan á roda con tanto vento, é difícil marchar. Ao non poder escapar antes, ao final no esprín fun cuarto, de catro que íamos... como sempre (risos).
Hai posibilidades de manter este liderado até o final da carreira?
Posíbel é, pero hai que ser prudentes é realistas porque a verdade é que non é fácil. Eu non son rápido e supoño eu que os rivais se non o saben informaranse. Tentarán xogar a súa baza e poñermo complicado. Haberá que sufrir e dalo todo polo triunfo final.
Como está a vivir o equipo estas primeiras xornadas de competición con éxito incluído?
O equipo está ao cen por cen ilusionado. Sobre todo os galegos polo feito de estar nun equipo galego e nunha carreira como esta. Co triunfo de hoxe estamos todos eufóricos. Hoxe contamos co apoio de Santi Domínguez (director xeral para o Deporte), un dos promotores do equipo, e parece que está saíndo todo redondo. Sen dúbida o que máis se nota aquí é ilusión e as gañas de facelo ben, que é o que se traduce en resultados despois.
Estades notando a repercusión que supón correr co primeiro equipo profesional galego?
Eu son o primeiro sorprendido en ver a repercusión que está a ter. É o mellor que pode pasar, porque é fundamental que se lle dea pulo ao proxecto para que os que investiron nel, os patrocinadores, teñan o seu retorno publicitario e que todo isto teña continuidade.
G. García