Fetiches da cultura popular dos anos 90 estarán o martes 13 no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela na quinta xornada do ciclo Videoclisión. A sesión, titulada Paralelismos, amosa os estereotipos sexistas que crearon as series de televisión na década pasada e a súa influencia no auxe da cirurxía estética, as modelos e os videoclips da época. Así mesmo, as telenovelas contaxiáronlles a súa estética aos vídeos de cantantes como David Bisbal e Camela.
A partir das sete e media do serán, dentro do programa dirixido por Mery Cuesta, proxectarase o primeiro episodio d'Os vixilantes da praia no que apareceu Pamela Anderson e fragmentos doutros dous capítulos, a presentación do programa da BBC The Old Grey Whistle Test e a actuación que fixo nel Meat Loaf e, finalmente, veranse videoclips de Madonna, Robert Palmer, George Michael, David Hasselhoff, Right Said Fred, Mariah Carey, David Bisbal, Camela e Eric Prydz.
O ciclo rematará o xoves 15 co capítulo Mutacións: telerrealidade e crise, que repasará o fenómeno dos reality shows e o seu efecto, denominado 'hiperrealidade televisiva'. Nesa última sesión verase un episodio da teleserie Max Headroom, un videoclip de Britney Spears e extractos dos programas Gran Hermano e Operación Triunfo, entre outros.