O labor dos historiadores e historiadoras é, en grande medida, amosar á sociedade na actualidade como fomos no pasado, cais os procesos históricos que se desenvolveron e para isto cómpre reconstruír o pretérito para comprendermos esa propria actualidade.
Dionísio Pereira, historiador que ten deitado obras ben substanciosas sobre o noso pasado histórico, foi citado no xulgado de paz do concello de Cerdedo por facer o que o seu (e noso) traballo reclama: amosar todos aqueles datos inéditos, de relevo e contrastados (a partir de diversas fontes) que achou diante do estudo que vén desenvolvendo sobre a represión franquista na Terra de Montes.
Neste senso, Dionísio, dando conta do proceso de represión naquela rexión galega, non priva á sociedade do coñecimento dos nomes dos e das represaliadas nen dos represores.
Así, a citación que recibíu o historiador deriva dunha 'demanda de conciliación' impulsada pola familia dun dos aludidos pola súa "presunta" vinculación co devandito proceso. Este, Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo durante o franquismo, fora xefe local da Falange Española na altura na que máis dura foi a represión no noso país.
No libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido, 2006) e nas Actas do Congreso da Memoria (Narón, 2003) Dionisio fai constar a "presunta" participación deste e doutros falanxistas naqueles bárbaros sucesos.
A esixencia dos demandantes, e segundo as fontes consultadas, é que Dionísio Pereira se retracte do presentado como resultado das súas investigacións. Aliás, solicítaselle que publique esa retractación nos mesmos medios onde se publicaron eses seus resultados, incluíndo a petición dunha indemnización "polos danos e prexuízos sufridos".