Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ATRANCOS PARA O NOVO DECRETO DE GALEGUIZACIÓN DO ENSINO

A última proposta de Educación 'esquece' a aprendizaxe da lectoescrita en galego

As negociacións para o novo decreto de galeguización do ensino non universitario non atravesan os seus mellores momentos. A Consellería de Educación traballa nun borrador menos ambicioso ca o que presentou a finais do ano pasado. Segundo puido saber Vieiros, a consellaría que dirixe Laura Sánchez Piñón conformaríase agora cun decreto que recolla os mínimos do Plano de Normalización de 2004. Entre outros cambios, na nova proposta xa non se contempla que o galego sexa a lingua na que os nenos aprendan a ler e a escribir.

- 10:57 13/02/2007
Tags:

O parto para o decreto de galeguización non está a ser nada fácil. A Consellería de Educación decidiu variar a semana pasada a súa proposta inicial. Se nun primeiro momento se falaba dunha porcentaxe de materias na nosa lingua que oscilaría entre o 56 e o 68%, o novo borrador reduce estas cifras para achegarse aos mínimos do Plan de Normalización aprobado en 2004. De levarse adiante, as materias impartidas na nosa lingua quedarían fixadas nun 50%.

Aínda que nun primeiro momento se falou de que o novo decreto ía favorecer a aprendizaxe da lectoescrita en galego, agora a Consellería de Educación recúa. A última proposta apenas variaría o status actual da lingua na Eduación Primaria. Pola contra, no ensino Secundario e no Bacharelato estaría garantido un 50% das materias, aínda que habería moitas cambadelas para superar esa porcentaxe.

A nova postura da consellaría está a provocar un fondo malestar nas filas nacionalistas. Dende o BNG estaban dispostos a apoiar a primeira proposta, que contemplaba que as materias impartidas en galego oscilasen entre o 56 e o 68%, aínda que coidaban que podía ser máis ambiciosa. O acordo semella agora moito máis difícil. O Bloque considera que o texto proposto por Educación non supón avance cualitativo algún con respecto ao decreto vixente, que data xa do ano 1995.

Medran as diverxencias
As posturas nos partidos son moi diverxentes. Mentres os PSdeG fala de que o novo texto representa un avance cara o "multilingüismo", o BNG lembra que os propios inspectores detectaron incumprimentos do anterior decreto en 120 centros públicos. Pola súa banda, o PPdeG cre que se se ultrapasan os mínimos do Plano de Normalización de 2004 estaríanse a vulnerar os dereitos dunha parte do alumnado.

Unha boa mostra das discrepancias son os prazos previstos inicialmente. Socialistas e nacionalistas pretendían publicar o decreto, a máis tardar, no mes de marzo. Con isto querían dar a coñecer a nova normativa entre a comunidade educativa de cara o vindeiro curso. Fontes consultadas por este xornal coidan que o decreto, en caso de haber acordo, non vai estar publicado antes do mes de maio.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: