Arthur Sulzberger, presidente do xornal estadounidense The New York Times, recoñeceu que non sabe se a edición impresa do seu periódico seguirá existindo dentro de cinco anos. Sulzberger asegurou no pasado Foro Económico de Davos que non lle importaría deixar de imprimir o rotativo xa que "internet é un lugar marabilloso para estar, e aí somos o líder".
O New York Times é posibelmente o xornal máis influinte do mundo. Pertence ao grupo New York Times Company, que tamén posúe outras corenta publicacións entre as que destaca o Herald Tribune e o Boston Globe. Segundo o seu presidente, o xornal está inmerso na transición do periódico impreso a internet, unha viaxe que terá o seu fin "o día que a compañía decida deixar de imprimilo".
As perdas económicas dos últimos catro anos poden ter boa parte de culpa desta actitude do neto do fundador do xornal. Na actualidade a edición dixital da ‘dama gris’ conta cun millón e medio de lectores diarios, moi por riba do 1,1 millóns de subscritores da edición impresa.
O xornal, que xunta noventa premios Pulitzer, apostará pola web para reconquistar parte da publicidade que están a perder co soporte tradicional. De feito, a empresa xa está a desenvolver un programa xunto con Microsoft que mellore a visualización dos xornais nos ordenadores.