Os blogogastrónomos galegos -blogueiros especialistas no bo comer- tiveron o sábado a súa segunda xantanza -xantar e xuntanza asemade-, que se desenvolveu en Casa Solla, en Poio. Os participantes tiveron unhas semanas de prazo para decidiren cal era a data e o lugar axeitados para tal evento, que convocou desta volta Gourmet de Provincias. Ao final, o restaurante rexentado por Pepe Solla foi o gañador, fronte a outros firmes candidatos como La Estación, en Cambre, ou O Eirado da Leña, de Pontevedra. Todos os blogueiros fixeron xa cadansúa crónica da xornada, aínda que a anécdota do día foi que compartiron local co famoso cociñeiro vasco Karlos Arguiñano, de paso polo país como pregoeiro da Festa do Cocido de Lalín.
O colectivo de blogueiros gourmets xa está a proxectar a terceira xantanza, proposta para o Fogar do Santiso. Entre tanto, tamén pensan organizar algunha xornada gastronómica en que os cociñeiros sexan os propios comensais. Ademais, para quen queira que se lle abra o apetito vendo os pratos da xornada do sábado, está aberto un concurso fotográfico coas mellores imaxes.