Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONVOCADO POLO MUSEO DO HUMOR DE FENE

As mellores viñetas galegas preséntanse ao Premio Curuxa

O que se achegue a Fene non pode deixar de visitar o Museo do Humor, onde poderá facer memoria histórica coas estampas de Castelao ou Seoane ou achegarse á actualidade con Xaquín Marín, pero sempre cun sorriso no rostro. Agora, ademais, calquera persoa que teña sentido do humor e boa man para o debuxo, pode participar no Curuxa 2007, un premio convocado polo Museo premiado con 1.502,5 euros e a entrega da Curuxa do Humor, deseñada por Francisco Xosé Pérez Porto e doada por Cerámicas do Castro, ademais de serlle pagada a viaxe a tres días de estadía en Fene para poder asistir á entrega. O prazo para enviar os debuxos remata o 20 de marzo.

- 12:52 12/02/2007
Tags:

O tema é libre, e pode participar calquera persoa maior de idade. O debuxo deben ser orixinal e inédito, e, de levar texto, ten que ser en galego. Pódese usar calquera técnica (branco ou negro, cor, unha ou varias viñetas...) Pero o material debe ser cartolina, e as dimensións, entre 21x30 e 42x60 centímetros. Cómpre envialos antes das 12.00 do 20 de marzo de 2007 ao Museo do Humor (Avenida de Conces, 20 – 22, 15500 Fene, A Coruña), especificando o sobre que vai para os premios Curuxa.

No sobre debe ir o nome do autor/a, enderezo, número de documento de identidade e de teléfono, ademais dun pequeno currículo, fotografía ou caricatura do autor. Tamén hai que achegar un enderezo de correo electrónico para a comunicación inmediata. Os traballos aceptados a concurso pasarán a formar parte dos fondos do Museo, e sempre figurará o nome do autor. O xurado poderá declarar deserto o premio e conceder diferentes mencións especiais, dividindo o importe do premio entre elas (sen exceder os 511 euros).

Ademais, o xurado, os participantes ou as asociacións culturais poden propor candidaturas para o premio Curuxa dos Medios, no que se premiará o labor dun humorista gráfico dos medios, sexan impresos, electrónicos, radiofónicos ou televisivos. É preciso un exemplar do xornal onde se publicou o debuxo, a fotografía ou o artigo; unha casete con indicación de data e medio en que se emitiu o programa: unha cinta de vídeo. A Curuxa de Honra, do mesmo xeito, entrégase a unha persoa ou institución caracterizada por toda unha traxectoria vital a prol do humor. Estes premios carecen de dotación económica. Por outra banda... Entrégase a Curuxa de Barro ao personaxe ou institución que "se significase por defender valores ou protagonizar actuacións que o Museo do Humor quixera ver desterradas".

O xurado estará formado por un membro da Comisión Municipal de Cultura, Xuventude, Ensino e Deportes, o Director do Museo do Humor e persoas expertas. O fallo será inapelábel, e darase a coñecer con antelación á celebración das Xornadas do Humor que terán lugar os días 21 e 22 de abril. Neste segundo día procederase á entrega de premios

Os máis novos, menores de dezaoito, poden optar ao Curuxa Nova, no que é outorgado un único premios de 360 €. Os participantes deben ser residentes ou nados en Galiza e cumpriren os mesmos requirimentos que nas bases do Curuxa gráfica.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: