Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Narf e Quico Cadaval: Excelente "saúde do activismo cultural galego en Barcelona" e con "iniciativas cheias de vida e afastadas do saudosismo estéril"

O 'cantador' e o 'contador' estiveron en Barcelona nunha minixira do 2 ao 4 de febreiro acompañados por dúas guitarras, moita profesión na mochila e bo facer co público. O cheo de público nos tres días de actuacións, tanto no Centro Galego como na UB, confírmao. Antes de marcharen de xira á Habana, responderon unhas preguntas para Vieiros. Unha entrevista de Xabier Paradelo.

- 21:58 11/02/2007
Tags:

Un 'contador' e un 'cantador' xuntos no escenario non é moi habitual. Como xorde este espectáculo?

Narf/Fran Pérez: Era inevitábel despois de tantas peripecias xuntos fóra do escenario. Eu diría que o espectáculo transmite a idea de encontro grato e informal, que é o que é para nos. O público entra na roda e acaba por voltarse intenso.

Quico Cadaval: Havia muito tempo que Narf e mais eu, mesmo desde a anterior re-encarnaçom, comparávamos os nossos projectos nos bares, para ver quem o tinha mais longo. Finalmente, no ano passado, decidimos que esse acto podiamos fazé-lo em público e partilhá-lo com umha cheia de gente, porque nom tém nada de vergonhento contar e cantar.

E agora marchades a facer "As Américas"...

Fran Pérez: A relación entre Cuba e Galiza é natural dende hai moito tempo. Son vínculos profundos que teñen a súa historia. Tendo en conta a velocidade un tanto descontrolada á que se move o mundo de hoxe, coido que é importante que se manteñan vivos e actualizados.

Quico Cadaval: A Havana nom é mais que o começo, a ponta de lança para umha futura tournée no Caribe: Belice, Port-au-Prince, Porto-Bello, Baton Rouge, Coveñas, Port-Spain, Barbuda e Antigua, Tartaruga, etc.

Como foi a experiencia destes tres días en Barcelona?

Fran Pérez: A saúde do activismo cultural galego en Barcelona pareceume excelente, e con vontade moi integradora. Teatro, discos, publicacións, ou como neste caso, ocasións para xuntarse coa xente das outras xeracións. Os maiores parecían tamén bastante contentos co que viron e ouviron. É unha boa sensación cando á xente se pon de acordo en algo.

Quico Cadaval: O mais interessante foi encontrarmos co nervo e coa energia do grupo os Fura-folhas e os troleiros da Provença, iniciativas cheias de vida e afastadas do saudosismo estéril, porque a saudade fai falta, mais fai falta só a justa. Também destaco o interesse do público nom galego veu por alí botar umha cheiradela.

Como vedes a proxección exterior da cultura galega a nivel profesional?

Fran Pérez: Con moito camiño para andar.

Quico Cadaval: Si, Fran, mais penso que ainda queda mais caminho no interior da Galiza, que é onde a nossa actividade se encontra com maior dificuldade, aínda hai muita gente em postos de responsabilidade que pensa que fazer cultura e lazer em galego é um capricho incómodo e estéril.

Andades metidos nalgún proxecto novo (xuntos ou por separado)?

Fran Pérez: Eu ando a preparar o novo disco, e a ver se o teño para o verán.

Quico Cadaval: Eu queria pasar-me ao cinema porno e nom pasei o casting...(risos)

O voso traballo vai tranquilamente de Galiza a Portugal ou a Mozambique ou ás Azores...

Fran Pérez: Tamén a outros lugares alleos ao mundo da Lusofonía aínda que evidentemente ese é un terreo propicio. O noso idioma abre moitas máis portas das que ás veces se pensa. Hai moita xente que aproveita esa fortuna e a disfruta. Hai outros que non, pero é un privilexio de todos.

Quico Cadaval: E do Brasil, a Sao Tomé, e de New Jersey a Cracovia, e de Brighton a Bogotá...

Algunhas voces propoñen estes días, moi en serio, que a cultura musical conste explicitamente no novo Estatuto galego.

Fran Pérez: Para min, cousas como poñer un ladrillo, cocer pan, dar unha clase, atender un mostrador, facer unha festa, levar unha empresa, tratar a un paciente, comunicarse cun estranxeiro, vender peixe, picar pedra ou coidar de alguén, son cultura (sobre todo se están ben feitas). O mesmo que unha canción, senón máis. Coido que todas esas expresións do noso xeito de ser deberían constar explicitamente en calquera estatuto. Por outra parte, paréceme lóxico que se pense na música, entre outras, como unha boa punta de lanza ou como un bo heraldo para darnos a coñecer no exterior, e poder establecer relacións de todo tipo, tamén económicas ou comerciais. En todo caso, pacíficas.

Quico Cadaval: Eu sugeriria aos que redactam o Estatuto que se dediquem ás suas cousas que son as leis de convivéncia e as práticas de contabilidade, e que deixem a música em paz, que é um assunto do que nom tenhem puta ideia como demonstrárom no Parlamento galego nos finais do 2006. Que nos deixem em paz seguindo a velha norma libertal de vive e deixa viver. O excesso de regulamentaçom nom fai mais que incomodar a prática artística. Brrr.

O CD de Narf está esgotado e os espectáculos teatrais do Quico non están en DVD. Que pode facer o voso público catalán?

Fran Pérez: Pódese baixar gratuitamente a canción "Quero ser Tambor" en Nordesía. Tamén vou enviar algunhas copias do meu primeiro disco ao Centro Galego, para que estean accesibles. E cun pouco de sorte hei de voltar a Barcelona para cantar.

Quico Cadaval: Eu estarei feliz de voltar a Barcelona as vezes que faga falta e penso que Fran também está de acordo, agora que para a próxima era bom alugar um teatro mais grande, que desta vez quase nom cabia a gente.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: