A asociación cultural Fuco Buxán, de Ferrol, réndelle homenaxe dende o xoves ao intelectual Isaac Díaz Pardo. A entidade quérelle recoñecer o seu amor e xenerosidade con Galiza nunha difícil etapa da historia do noso país, e a súa loita a prol das liberdades democráticas e nacionais. Ás oito e media do serán do día 8 inaugúrase no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol unha exposición antolóxica da súa traxectoria xunto a Luís Seoane, que se poderá ver no Laboratorio de Formas durante un mes. O venres 9 haberá unha mesa redonda na sede da Fundación Caixa Galicia.
O acto comezará ás oito do serán e terá como coordinador o académico Xosé Luís Axeitos. Canda el estarán Xosé Neira Vilas, Manuel Aznar Soler e Camilo Díaz. O día 23, tamén sexta feira, desenvolverase no mesmo lugar e á mesma hora outra mesa redonda, con Andrés Varela, Fernando Salgado, Fermín Bouza e Euloxio Ruibal como moderador.
A homenaxe pública a Díaz Pardo será o 2 de marzo no Teatro Jofre, a partir das sete e media. Intervirán os poetas Salvador García-Bodaño, Laura Landeira, Eva Veiga, José Viale Moutinho, Xosé Leira e Rosa Méndez, e a actuación musical de Milladoiro. O acto irá seguido dunha cea na Feira de Mostras para a que é preciso reservar praza, ou ben contribuír por medio dunha "mesa cero".
Segundo a organización, a homenaxe pretende ser un acto plural e aberto á cidadanía, no que participen todos os colectivos da realidade galega. Ademais da asistencia presencial o día 2 e da colaboración na organización, é posíbel sumarse ao apoio a Isaac Díaz Pardo a través dos textos de adhesión que se lle entregarán ese día ao intelectual dentro dun álbum-recordo.