Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
REMATA CONFERENCIA ORGANIZADA POR UNICEF

Case sesenta países comprométense en París a poren fin ao recrutamento de menores

Ao longo do 5 e 6 deste mes desenvolveuse en París a Conferencia organizada por UNICEF e o Goberno francés para rematar co recrutamento de nenos en conflitos armados. Participaron unhas 300 persoas de diferentes gobernos, institucións e oenegués. Finalmente, 58 países asinaron o compromiso de poren fin á utilización ilegal de menores por parte de grupos armados nos, e combateren a impunidade dos responsábeis. Entre os asinantes figuran nove dos doce países nos que hai recrutamento de menores: Uganda, República Democrática de Congo (RDC), Chad, Sudán, Burundi, Somalia, Sri Lanka, Nepal e Colombia. Tamén Colombia, Haití e Perú, mentres que Birmania, Filipinas e os EUA non acudiron ao Cumio. Os Compromisos asinados onte actualizan os de hai dez anos, asinados en Cidade do Cabo.

Redacción - 12:16 07/02/2007

Estímase que preto de 250.000 menores son recrutados para a loita armada en todo o mundo. O 40% son mulleres, moitas veces explotadas sexualmente. Isto carrexa ademais que, ao recuperaren a liberdade, elas e máis os seus fillos sexan rexeitados pola súa comunidade.

O recrutamento de menores vén da antigüidade. O propio termo "infantería" procede do latín "infans, infantis". Este recrutamento forzoso realízase hoxe de xeito masivo en Liberia, Serra Leoa, Angola, Afganistán ou O Salvador. Son empregados na loita armada como soldados, mensaxeiros, espías, cociñeiros ou escravos sexuais. Dende o 2001, preto de cen mil destes rapaces e rapazas participaron en programas de reintegración, pero son necesarios máis medios e servizos axeitados para darlles unha posibilidade de educación e a oportunidade de decidiren o seu propio futuro.

Na Declaración do Milenio do 2000, os xefes de Estado e de Goberno comprometéronse a facer por protexer á infancia vítima dos conflitos armados. Nesta conferencia revisáronse os Compromisos asinados en Cidade do Cabo sobre a prevención do recrutamento e a reintegración social dos nenos e nenas soldados en África. Neste novo marco de cooperación estabelecido en París, proponse sistemas de avaliación, e uns principios que actualicen as intervencións para facelas efectivas: reafirmaren o apoio dos Estados ás resolucións do consello de Seguridade da ONU, sobre todo á Resolución 1612;
convenceren ao maior número de países adherírense aos "Principios de París"; e definiren o marco de traballo de referencia para unha acción máis efectiva no terreo.


0/5 (0 votos)