As organizacións adscritas á campaña "a Ir-Responsabilidade Social da Unión Penosa. Nicaragua ás Escuras", denuncian a complicidade do Goberno estatal cos abusos que Fenosa comete contra os dereitos humanos en Nicaragua. Dende o executivo, respondéronlle a unha cara de denuncia alegando que a concesión de Fenosa é lícita, a suba das tarifas débese ao déficit, e os cortes de luz débense á falta de subministración eléctrica por parte dos provedores locais. A plataforma rebate estes argumentos e lembra as consecuencias que está a ter a xestión da electricidade en Nicaragua.
Os cortes frecuentes da subministración eléctrica impiden o desenvolvemento dunhas condicións de vida dignas, e as tarifas non se corresponden con este servizo deficiente. En novembro do ano pasado iniciárase un xuízo administrativo, para anular o contrato de adxudicación adquirido hai seis anos pola compañía eléctrica en Nicaragua. Daquela Fenosa comprometérase a ofrecer o servizo asequíbel e de calidade, pero seguen a producirse cortes de doce horas. Por parte do executivo español, esta plataforma recibiu unha resposta en que se lexitima a actividade de Fenosa en Nicaragua: a concesión por trinta anos que a empresa obtivo para dotar de electricidade a Nicaragua é o principal argumento, mais dende a plataforma advirten de que a licitación careceu de transparencia, ao ser solicitada unicamente por Fenosa, polo que xa se tería que ter declarado nula. En canto aos investimentos realizados pola compañía, afirman que os rexistrados no Informe de Auditoría Operacional foron efectuados polo Instituto Nicaragüense de Fomento Municipal (Inifom) e Fondos do Tesouro da Comisión Nacional de Enerxía (CNE).
Dende o Goberno xustifican tamén a suba das tarifas por mor do déficit financeiro acumulado pola empresa, motivados polo alto prezo do petróleo e fraudes e furtos de enerxía. A plataforma sostén que un goberno, con todo, non pode aumentar as tarifas porque unha multinacional o solicite, e que os motivos do déficit cómpre buscalos nas débedas, perdas, e gastos administrativos (a empresa transmite a terceiros actividades como cortes e re conexións, cambio de medidores, etc.). Ademais, no 2003 foron pagados dividendos aos accionistas de Fenosa, malia ter resultados negativos nas contas.
Por último, tanto o goberno español como a compañía xustifican os cortes de enerxía na falta de subministración eléctrica por parte de empresas locais, e o non pagamento do subsidio da tarifa, por parte do goberno nicaragüense, ao sector máis desfavorecido da poboación.
Mais dende a plataforma lembran o compromiso, adquirido no contrato, de planificar con 24 meses de antelación as compras de enerxía para manter o subministro. Lembran tamén que case o 50% da poboación nicaragüense carece de enerxía eléctrica no seu fogar, polo que non se pode falar dun problema cun "sector desfavorecido". Outras consecuencias da redución do subministro eléctrico foron a redución nun 10% da produción de auga, ou 38 millóns de litros, o que obriga a racionar o consumo de auga a dez horas diarias. Ademais, a repercusión na conservación de alimentos refrixerados carrexa tamén consecuencias negativas para o subministro dos mesmos, e moitos colexios tiveron que pechar: 37.740 estudantes da quenda nocturna son os máis afectados. As alteracións das xornadas laborais, enormes perdas en sectores alimentarios como o do pan ou o do leite e danos irreparábeis nos equipos sanitarios son outras consecuencias do corte eléctrico.