En dous meses presentáronse 33 obras, das que tres son as finalistas. O I Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural entra na súa fase final. Un xurado integrado por Manuel Lourenzo, Cristina Domínguez, Alfonso Becerra, Camilo Franco e Ana Romaní acordou por maioría escoller como finalistas tres obras presentadas baixo os lemas O Bambán, O Elexido. Un conto de Nadal e 1.073. Agora serán agora dramatizadas por un equipo de actores e actrices coordinado polo CDG e emitidas ao longo do mes de marzo na Radio Galega. Despois da súa emisión daranse a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, ambos os dous dotados con 3.000 €.
Foron 33 as obras presentadas a esta primeira edición do Premio de Teatro Radiofónico organizado polo programa Diario Cultural da Radio Galega e o CDG, e co patrocinio da Consellería de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre o público e o teatro e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico. Agora poderemos escoitar estas montaxes, de entre 15 e 20 minutos de duración.