A piscina de Santa Isabel en Santiago acolle esta fin de semana unha nova edición do Campionato galego de natación de inverno absoluto e júnior. A competición desenvolverase desde este venres e até o domingo en sesións de mañá e tarde nunha piscina de vinte e cinco metros e oito rúas. As eliminatorias previas organízanse polo sistema de contrarreloxo na categoría júnior mentres que na absoluta se utilizará un sistema de cabezas de serie, a excepción das probas de 800 e 1.500 metros, sen límite de idade e que se disputarán tamén contra o crono.
As finais deste campionato organizado pola Federación Galega de Natación desenvolveranse nas sesións de tarde. Loitarán polas medallas os oito mellores tempos das previas nunha final A, mentres que os oito seguintes disputarán unha final B. Levarán metal os tres primeiros de cada categoría en probas individuais e relevos. Ademais, o nadador e nadadora que mellor marca realicen pola táboa FINA recibirán o trofeo Paula Carballido.
Este venres a Federación Galega de Natación tamén deu a coñecer os emparellamentos para a Fase Final da Copa Galega Absoluta de Waterpolo que se disputará na Coruña o vindeiro 24 de febreiro. A primeira semifinal deixa o enfrontamento entre o CN Coruña e o CMarina Ferrol. O outro choque estará protagonizado polo CW Santiago e o CN Pontevedra.