17:00 horas do 17 de febreiro. Esa é a cita que milleiros de mozos do país xa anotaron nas súas axendas. A esa hora, a organización de Xuventude Galiza Net porá na rede o formulario para lograr unha praza na "party" máis popular de Galiza. E hai razóns abondo para non esquecer esta data, pois "as prazas para este evento cubríronse en menos de 33 segundos nas últimas edicións organizadas en 2005 e 2006", lembra a organización. Así os máis rápidos no envío do formulario gozarán de máis de sesenta horas ininterrompidas de videoxogos, cinema, torneos e cursos de formación. Aloxamento no Monte do Gozo e comida incluídas, e todo por 37 euros ou menos.
O primeiro paso do proceso de inscrición xa está aberto. Ata o día 15 de febreiro é posible darse de alta, requisito imprescindible para obter unha contrasinal que cómpre meter no formulario. Este documento estará dispoñible o día 17. Daquela cómpre ser rápido, moi rápido, e envialo canto antes xa que "as prazas serán asignadas por orde de preinscrición", indica o portal de Xuventude Galiza Net.
Actividades para todos os gustos
Unha das novidades deste ano é a presencia de Blu Sens. O fabricante galego presentará Blu Generation, unha comunidade virtual que busca relacionar aos donos dos reprodutores de música e vídeo desta marca. Ademais, no programa figuran os populares concursos de videoxogos, cursos de formación, cinema e presentación doutros trebellos tecnolóxicos.
O prezo da inscripción é de 37 euros, 27 para os que teñan o Carné Xove ou Carné Máis. Xuventude Galiza Net celébrase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago é a "party" máis veterana de Galiza, pois vai pola sétima edición.