Sans Soleil é un caderno de viaxes pola vida, un diario poético que vai de San Francisco a Toquio. Une documental e ficción, xoga coa montaxe e recréase no mundo onírico que lle suxire a música de Mussorgski para falar dos recordos. O documentalista Chris Marker realizou este filme en 1983, no que aparecen rostros emblemáticos do cinema francés, como Arielle Dombasle, e escoitaremos a música de Mussorgski ou Sibelius. O Cineclube de Compostela ten programada a proxección de Sen sol para este mércores 31 ás 22.00 no local da Gentalha do Pichel.
A mirada de Marker fai das rúas de Toquio unha tira de cómic manga, e mira a televisión consciente de que é ela a que mira para nós. A bidireccionalidade entre o suxeito e o obxecto da mirada, a autorreferencialidade da imaxe, a máquina (ou máis ben, a icona) rebelada contra o ser humano, son os xogos que nos son propostos neste filme, tamén, sobre a memoria. Memoria do mundo traumatizado pola II Guerra Mundial. As cicatrices imborrábeis, ou a"memoria imposíbel, a memoria demente", en palabras do propio Marker.
As cartas enviadas por un viaxeiro e "cameraman" a unha narradora son o fío argumental dunha viaxe a través de Toquio, Islandia, Guinea-Bissau, París ou San Francisco, detrás das localizacións de Vertixe (1958), de Hitchcock. Mestúranse personaxes reais e inventados, a diéxese e a extradiéxese, a imaxe e a metaimaxe.