O grupo oposto á caza de baleas Sea Shepherd Conservation, con base nos EUA, ofreceulle 25.000 dólares (algo máis de 20.000 euros) de recompensa a quen consiga as coordenadas de calquera barco xaponés operando no Mar de Ross, da Antártida. "Estamos aquí para evitar que maten baleas, e faremos o que poidamos, sen arriscar vidas humanas, para conseguilo", sinalou Alex Cornelissen, o capitán do barco Robert Hunter, un dos dous desprazados polo grupo dentro da campaña Operación Leviathan.
Existe unha moratoria mundial dende 1986 sobre o comercio dos cetáceos, mais Xapón captura centos de baleas cada ano baixo "criterios científicos". Islandia e Noruega son os dous únicos países que ignoran esta moratoria e realizan cazas de baleas con fins mercantís.
Xapón está a tratar de organizar un mitin especial da Comisión Internacional da Caza de Baleas, International Whaling Commission, para tratar de cancelar o período de veda. Un total de vinteseis países contrarios a esta práctica xa lle advertiron da súa intención de boicotear a xuntanza.