Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVARTIS QUERE IMPEDIR QUE SE COMERCIALICE A VERSIÓN XENÉRICA DO GLIVEC

Un tribunal indio decide se lle dá a unha farmacéutica a patente dunha menciña contra o cancro

O sector farmacéutico mundial mira con atención este luns cara á India. Nos tribunais do país asiático comeza a primeira vista do xuízo no que se decidirá se cambiar a lei de patentes a petición do laboratorio Novartis. A farmacéutica con sede en Suíza reclama a exclusividade para a súa menciña contra o cancro Glivec. A versión xenérica dete produto tómana na India máis de 20.000 persoas. A versión branca do medicamento custa 150 euros ao mes, mentres que a orixinal ten un prezo de 2.000 euros. A India é un dos principais produtores mundiais de menciñas xenéricas, sobre todo antivirais para tratar a sida, que se comercializan en boa parte en países subdesenvolvidos. Por iso, o xuízo será seguido con atención en todo o mundo xa que da súa resolución depende o acceso de millóns de persoas aos medicamentos.

- 10:09 29/01/2007
Tags:

As oenegués Médicos Sen Fronteiras e Intermón Oxfam advirten de que se a farmacéutica gañase o xuízo suporía "a condena a morte de millóns de persoas". O presidente da Asociación de Axuda a Enfermos de Cancro da India asegura que "a nosa vida depende de que Novartis non acade a patente" e lembra que se os xenéricos se deixan de producir "haberá moitos mortos".

A India está en pleno proceso de adaptación á lexislación da Organización Mundial de Comercio. No referido aos xenéricos e patentes, a OMC imponlle aos países produtores de menciñas sen marca que calquera fármaco novo "se someta a 20 anos de protección para que non sexa fabricado de xeito xenérico". A farmacéutica quere entón aplicar esta lexislación na India e lembra que no marco do seu Programa Internacional de Axuda aos Pacientes de Glivec, GIPAP, distribúe de balde o tratamento a máis de 19.000 persoas en 80 países.

A empresa sinala que Glivec na India ten un prezo case cinco veces superior o salario medio anual e así, asegura que "os xenéricos non solucionarán o problema do acceso a Glivec nin a outras menciñas que poden salvar vidas na India". Desde Novartis matízase ademais que "o mellor xeito de fomentar a innovación é potenciar o respecto á propiedade intelectual. Denegar a protección das patentas aos medicamentos innovadores non axudará os pacientes nin mellorará o seu acceso ao tratamento médico.


0/5 (0 votos)