A carreira cara ás eleccións municipais do 27 de maio segue adiante. Hoxe preséntanse os candidatos do BNG de Compostela, Néstor Rego, que repite, e do PSdeG-PSOE de Lugo, Xosé López Orozco, que aspira a revalidar a alcaldía.
Rego Candamil, actual concelleiro de Cultura, intervirá nun acto aberto aos medios de comunicación ás oito e media do serán no salón de convencións do Hotel Araguaney. Estará arroupado por Socorro García Conde, do Consello Local do BNG de Santiago, e do portavoz nacional, Anxo Quintana. Pola súa banda, López Orozco organiza unha Festa da Cidadanía no Auditorio Gustavo Freire, tamén a partir das oito e media. Antes do candidato falará o secretario de organización do PSOE, Xosé Blanco López, e pechará o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño.