Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
INFORME DA FAO

Un terzo dos alimentos que se envían a países en vías de desenvolvemento non chega ao seu destino

A FAO propón unha serie de cambios na xestión das axudas alimentarias aos países en vías desenvolvemento. Segundo a organización, un terzo deste material non chega ao seu destino. A perda estímase nuns 600 millóns de dólares que se gastan nos países doadores e non chegan aos beneficiarios da axuda asistencial. Na última edición do seu informe anual "O estado mundial da agricultura e a alimentación", recomenda pór fin á práctica habitual de vincular a axuda alimentaria. A cooperación debe facerse con cartos en efectivo ou cupóns para alimentos, xa que o envío de alimentos altera o comercio agrícola internacional e afecta aos produtores e os mercados nos países receptores.

Redacción - 09:59 25/01/2007

A axuda alimentaria internacional carrexa dez millóns de toneladas de alimentos ao ano para preto de 200 millóns de persoas, cun custo estimado total de 2.000 millóns de dólares. O informe SOFA 2006 pon sobre a mesa a cuestión de se este enorme esforzo é prexudicial, máis do que beneficioso.

Malia isto, hai que ter en conta que non hai alternativa á axuda alimentaria no caso das crises humanitarias, que en determinados casos implican situacións de fame crónica. A axuda alimentaria salvou as vidas de millóns de persoas, e permitiu que moitos nenos puidesen seguir asistindo á escola ou que mulleres embarazadas tivesen a dieta axeitada. Pero trátase de casos de fame extrema: como vimos a semana pasada no informe de Médicos do Mundo, o emprego dunha barriña a base de leite e améndoa consegue estabilizar a nutrición de moitos rapaces no mundo.

Mais esta axuda pode alterar os mercados locais e debilitar a capacidade de recuperación dos sistemas alimentarios locais, sobre todo, segundo o informe, "cando chega no momento equivocado ou está dirixida á xente equivocada". Pode desprazar as exportacións comerciais dos países donantes, un dos maiores contenciosos nas actualmente bloqueadas negociacións comerciais multilaterais de Ronda de Doha.

Pola contra, a transferencia de cartos en efectivo e os cupóns para alimentos poden estimular a produción local, fortalecer os sistemas alimentarios locais e aos beneficiarios. SOFA sinala, ademais, que até un 90% de toda a axuda alimentaria pode chegar a estar vinculada a algunhas condicións específicas. Isto dificulta que as axencias encargadas de distribuír a axuda poidan utilizala da forma máis eficaz e garantir que chegue á xente que máis a necesita.

Atención ás necesidades reais
Por todo isto, o informe recomenda eliminar a axuda alimentaria intergubernamental non dirixida específicamente aos grupos necesitados, e deter a monetarización da mesma, pola cal unha de cada catro toneladas de axuda alimentaria é vendida nos mercados locais dos países beneficiarios. Como alternativa á axuda en especie, propón entregar diñeiro en efectivo ou cupóns, e empregar a axuda alimentaria só en lugares nos que a inseguridade sexa consecuencia da escaseza de alimentos e non de dificultades para acceder a eles: nese caso a axuda debe encarreirarse, se cadra, a reparar as estradas ou mellorar as infraestruturas rurais. Tamén advirte da necesidade de mellorar os sistemas de información, avaliación de necesidades e control. En caso de crises repetidas e cando a fame é crónica, donantes e receptores poden quedar aprisionados na "trampa da axuda", na que se descoidan as estratexias de desenvolvemento a longo prazo.

O informe conclúe que a axuda alimentaria debe ser vista esencialmente como unha opción máis dentro dun amplo abano de medidas de protección social. Medidas preventivas destinadas a incrementar a seguridade da produción alimentaria e a productividade (investimentos no control da auga e infraestruturas, acceso aos insumos e ao crédito) son a clave do autodesenvolvemento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: