Despois de coñecermos de preto a figura de Raymundo Gleyzer, o cineasta asasinado pola Tripla A, a semana pasada, o Cineclube segue afondando na Latinoamérica que retrataron documentalistas como Ivens ou Birri. Este mércores ás dez, viaxaremos a Valparaíso da man de Joris Ivens e a Santa fe co arxentino Fernando Birri. En Valparaíso, cidade construída sobre outeiros, a vida é unha loita coas condicións xeográficas. As veciñanzas viven en pendente, e os máis pobres teñen dificultades para atoparen auga. En Tire Dié, Birri asentou as bases da escola de documental de Santa Fe. A frase é tomada dos cativos que a berran correndo desesperados de par do tren. Pedían que lles tirasen cartos. Moitas familias de Santa Fe vivían desas moedas.
O documental de media hora, realizado por Fernando Birri coa colaboración dos seus alumnos/as do Instituto de Cinematografía da Universidade Nacional do Litoral, foi gravado entre 1956 e 1958 e estreado en 1960. Constitúe o primeiro filme do continente no que se lle daba voz e imaxe ao pobo, gravando as míseras condicións de vida dos arrabaldes da cidade arxentina de Santa Fe. Como dixo o propio Birri, os pobos sudamericanos precisan "un cinema que os desenvolva; que os esclareza; que afortale a conciencia revolucionaria de aqueles que xa a teñen; que os alporice; que inquede, preocupe, asuste, debilite, aos que tenen "mala conciencia", conciencia reaccionaria; que defina perfís nacionais, latinoamericanos; que sexa auténtico; que sexa antioligárquico e antiburgués na orde nacional e anticolonial e antimperialista na orde internacional; que sexa propobo e contra antipobo; que axude a emerxer do subdesenvolvemento ao desesenvolvemento, do subestómago ao estómago, da subcultura á cultura, da subfelicidade á felicidade, da subvida á vida".
Despois vén A Valparaíso, mediametraxe realizada en Chile, polo documentalista holandés Joris Ivens. O filme, dedicado á cidade de Valparaíso, coñecida daquela dende occidente como prestixioso destino turístico, trascende axiña a postal para adentrarse nas condicións de vida dos habitantes reais. Conta ademais cun segundo autor ou colaborador, de grande importancia do historia do cinema documental: o francés Chris Marker, autor do texto que se escoita en off que contitúe unha parte fundamental do filmes. Asemade, gran parte das imaxes foron gravadas por Patricio Guzmán, -daquela mozo operador de cámara - que dez anos logo realizará A batalla de Chile.