A Consellería de Vivenda e Solo declarará o casco antigo de Castro Caldelas como Área de Rehabilitación de Conxunto Histórico (ARCH). Esta modalidade permitiralles aos veciños acceder a importantes axudas para a rehabilitación das vivendas, e á administración local a subvencións para obras de urbanización. Para que a consellaría aprobe a declaración, o Concello deberalle remitir unha memoria coa documentación esixíbel.
A directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, fixo o anuncio despois de visitar o casco histórico de Castro Caldelas, acompañada do delegado provincial de Vivenda, Antucho Espinosa, e do alcalde do municipio, Eladio Osorio. A consideración de ARCH facilitará axudas de até o 80% do orzamento, cun importe máximo de 11.000 euros para a restauración de vivendas da zona, e do 60% para a urbanización e reurbanización das rúas do contorno.
Na provincia ourensá xa existen outras seis áreas de rehabilitación: as de Allariz, Celanova, Ribadavia, Verín, Ourense e Ourense-Seixalbo.