Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A LEI ELECTORAL IMPIDE CONSTITUÍR MESAS EN NÚCLEOS DE MENOS DE DUASCENTAS PERSOAS

Preto do 70% dos emigrantes poderán votar en urna nas eleccións de 2009

Os secretarios xerais de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera, presentaron este luns un estudo de concentración de galegos no exterior, co que a Xunta pretende que o sufraxio se exerza nas mesmas condicións ca en Galiza nas vindeira eleccións ao Parlamento, que previsibelmente se convocarán en 2009. Segundo os condicionantes que impón a Lei electoral -para que unha mesa poida ser constituída deben estar adscritos un mínimo de douscentos electores-, un total de 220.570 galegos poderían votar en urna nas eleccións autonómicas de celebrárense no momento actual. Isto é un 69,8% do numero total de inscritos no Censo de Residentes Ausentes, CERA, -que dá dereito a participar en procesos electorais. No entanto, un 30,2% (95.457), censados en núcleos de poboación con menos de douscentos galegos, terán que seguir a facelo por correo.

- 18:00 22/01/2007
Tags:

O estudo é o primeiro destas características impulsado no Estado, que abre o cambio no modelo de voto dos emigrantes, pola necesidade de responder ao principio de transparencia, mediante a implantación do sufraxio en urna.

Os datos oficiais detectan poboación galega (inscrita no CERA) nun total de 122 países, dos que só once contan cunha poboación de máis de 5.000 galegos, mentres que catro teñen entre 2.000 e 5.000, seis entre 500 e 2.000, e sete entre 200 e 500. O resto de países receptores de emigrantes (94) contan con menos de 200 galegos, escenario que non permite o emprazamento de mesas electorais en base ao articulado da Lei electoral.

As cidades con máis de 5.000 electores (Bos Aires, Montevideo, Caracas, Río de Xaneiro e Sao Paulo), agrupan a 112.190 galegos, é dicir, ao 35,5% do CERA; aquelas que teñen entre 2.000 e 5.000, concentran a 28.991 (9,2%); as que contan entre 500 e 2.000 galegos, congregan a 52.961 (16,8%), e as que agrupan de 200 a 500 electores, concentran a 26.428 (8,4%). Finalmente, 95.457 persoas, o 30,2%, residen en núcleos de poboación con menos de douscentos galegos censados.


0/5 (0 votos)